Saltar ao contido
Todos os traballos

Concello de Pontevedra

Campionatos do Mundo de Triatlón

Catro edicións dun evento internacional que se celebra na cidade. A parte que levamos non é a dos deportistas: é a que lle explica a Pontevedra o que vai pasar na súa propia rúa.

Cliente
Concello de Pontevedra
Edicións
2019, 2023, 2025 e 2026
Que fixemos
Dúas webs multiidioma, sistema de voluntariado, publicacións dixitais e asistencia técnica en directo
Estado
En activo. A edición de 2026 celébrase do 23 ao 27 de setembro
Portada da web da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón en Pontevedra

Dúas webs, dous públicos

Un mundial de triatlón ten a súa propia web internacional, en inglés e pensada para os atletas: inscricións, regulamento, tempos. Esa non é a nosa.

A nosa é a da cidade. A que responde as preguntas que fai un veciño de Pontevedra cando lle cortan a rúa un mércores: por onde pasan, a que hora, onde podo aparcar, que hai que ver, como me apunto de voluntario. Información de interese para quen vive aquí, non para quen vén competir.

Parece unha distinción menor e non o é. Cambia o idioma, cambia o ton e cambia o que se pon primeiro.

4edicións do evento, desde 2019
2webs multiidioma construídas de cero
70países representados na edición de 2026
+5.000atletas na Gran Final de 2026

O que fixemos en cada edición

2019, ITU Multisport. A primeira web multiidioma, a publicación dixital da revista do evento, campañas de anuncios, presentacións, e asistencia técnica na entrega de premios.

2023, Gran Final das Series Mundiais. Unha segunda web, tamén multiidioma, co sistema de altas de voluntariado, os fondos e banners, as presentacións e a dirección técnica.

2025 e 2026. Desenvolvemento, mantemento e asesoría da web local. Menos volume e máis continuidade: o evento xa ten a súa estrutura e o que fai falla é que alguén a manteña viva entre edición e edición.

O día que non se pode repetir

Un evento deportivo internacional ten unha característica que non teñen os demais encargos: a data non se move. Se algo falla ás cinco da tarde do venres, non hai unha versión corrixida o luns.

Na entrega de premios de 2019 estivemos alí, cos discursos das autoridades. O procedemento era que os enviasen antes para revisalos e traducilos, de xeito que aparecesen nas pantallas en varios idiomas mentres se pronunciaban, e que os deportistas de setenta países entendesen o que se estaba dicindo. Dous discursos non chegaban. Apareceron aproximadamente unha hora antes de que empezase o acto.

E logo estaba o outro problema, o que non se podía resolver por moito que se preparase: a entrega de premios empezaba pouco despois de rematar algunhas categorías. Así que a cerimonia xa estaba en marcha mentres aínda nos seguían chegando resultados e clasificacións para poñer nas pantallas, en directo, mentres a xente miraba.

Non hai ningunha captura de pantalla que ensine ese traballo. Pero é a razón pola que nos volveron chamar nas tres edicións seguintes.

Ficha técnica

WebsDúas, multiidioma, construídas de cero para 2019 e 2023
VoluntariadoSistema de altas en liña, edición de 2023
PublicaciónsVersión dixital navegable da revista do evento
PantallasContidos para as pantallas do recinto, incluídos os discursos traducidos e os resultados en directo
GráficaPresentacións, fondos, banners e material para as roldas de prensa
En directoAsistencia técnica presencial o día das competicións

Falemos

Tes algo
parecido entre
mans?

© 2026 Estudio Blanco. Todos os dereitos reservados.Aviso legal ·Privacidade ·Accesibilidade