Deputación da Coruña
FaiMemoria
O portal da memoria democrática da provincia. Fixémolo enteiro: arquitectura de contidos, desenvolvemento, volcado do material, formación e o mantemento posterior.
- Cliente
- Deputación da Coruña
Área de Dereitos Civís - Ano
- 2026
- Que fixemos
- Web completa, volcado de contidos, formación, aloxamento e mantemento
- Estado
- En produción, con mantemento contratado

Un arquivo que non existía como sitio
A Área de Dereitos Civís leva anos traballando en memoria democrática: publicacións, xornadas, exposicións, recursos para as aulas, homenaxes. Todo iso existía, pero repartido e sen un lugar propio onde consultalo.
O encargo era construír ese lugar: un portal integramente en galego, accesible desde calquera dispositivo e que o persoal da Deputación puidese manter sen chamarnos.
Un tipo de ficha para cada cousa
A tentación nun proxecto así é meter todo como páxinas e resolver a organización con categorías. Non serve: unha publicación ten autoría, ano e un PDF; unha xornada ten data e lugar; unha exposición ten itinerancia.
Creamos un tipo de contido propio para cada apartado, cos seus campos. Iso permite que o buscador filtre por ano, concello, temática ou formato, e que engadir un apartado novo no futuro non obrigue a refacer nada.
O menú que cambiou a medio camiño
O contrato recollía unha estrutura de menú pechada. Ao empezar a volcar o material real apareceu un volume grande de actos de homenaxe e de procesos de exhumación de vítimas da represión franquista que non encaixaba en ningún dos apartados previstos.
Non o metemos con calzador. Propuxémoslle ao Servizo crear unha sección propia, e outra para as convocatorias de subvencións vinculadas á memoria democrática, que tampouco tiñan sitio. Ao mesmo tempo retiramos do menú principal dous apartados que aínda non tiñan contido dabondo.
Todo iso quedou documentado nunha memoria de adaptación asinada, porque nun expediente público os cambios respecto ao contratado hai que xustificalos. E os dous apartados retirados seguen implementados por dentro: cando teñan contido, actívanse sen desenvolvemento adicional.
O que vén despois de entregar
A web entregouse cunha xornada de presentación e formación ao persoal, con manuais para dar de alta cada tipo de contido. A idea non é que nos chamen: é que non nos precisen para o traballo diario.
O que si levamos nós é o servidor, as copias diarias, as actualizacións e a vixilancia do rendemento. E cando o contrato remate, entrégase todo o necesario para levar a web a outro provedor se así o deciden.
Xa en produción, fixemos unha auditoría de posicionamento en oito áreas para saber onde hai marxe de mellora durante o mantemento. O achado máis rendible foi tamén o máis sinxelo: dar de alta o mapa do sitio na ferramenta de buscadores.
Ficha técnica
| Xestor | WordPress, cun tipo de contido propio por apartado |
| Idioma | Integramente en galego |
| Accesibilidade | WCAG 2.1 nivel AA |
| Busca | Filtrado por ano, concello, temática e formato |
| Aloxamento | Servidor propio, HTTPS e copia de seguridade diaria |
| Mantemento | Actualizacións, incidencias, soporte e monitorización |
Outros traballos
Falemos
Tes algo
parecido entre
mans?